Un artigo da USC sobre o consumo de cocaína en España, VII Premio UAM-ASISA ao mellor traballo publicado

Un artigo da USC sobre o consumo de cocaína en España, VII Premio UAM-ASISA ao mellor traballo publicado

Os autores elaboran o perfil de poboación con maior prevalencia de consumo: home novo que vive só e sen formación ou emprego

Un artigo de investigadores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acaba de gañar o VII Premio UAM-ASISA ao mellor traballo publicado en 2015 en revistas especializadas nacionais e internacionais. O recoñecemento, que concede a Cátedra sobre Xestión Sanitaria e Economía da Saúde da Autónoma de Madrid e a aseguradora ASISA, foi para un estudo sobre o consumo de cocaína en España que asinan os profesores da USC Manel Antelo, Pilar Magdalena e Juan C. Reboredo.

Na investigación, froito da tese doutoral de Pilar Magdalena, os autores utilizan metodoloxía de partición recursiva en forma de árbores de decisión e modelos de regresión loxística multinomial para entender por que España está á cabeza mundial en consumo de cocaína entre adultos e de que maneira as características socioeconómicas dun adulto residente en España inflúen na prevalencia de ser consumidor desa substancia. Para iso, utilizáronse datos de aproximadamente 44.000 individuos con idades comprendidas entre 18 e 65 anos que se recollen nas Enquisas Domiciliarias sobre Alcol e Drogas en España (IDADES) e que executou a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas desde 2007 ata 2012.

Á vista dos datos, os autores elaboran o perfil de poboación con maior prevalencia de consumo de cocaína en España: home novo que vive só e sen formación ou emprego. “Esta é –aseguran– a que debería ser poboación obxectivo de políticas de educación e prevención”.

Os resultados amosan que o 3,3% dos residentes con idades entre 18 e 65 anos consome cocaína (xa sexa de maneira ocasional, regular ou habitual) e en calquera das súas formas, po ou base, o que supón un “problema de primeira magnitude en termos sanitarios, económicos e sociais”, advirten os investigadores, que confirman diferenzas significativas entre sexos, cunha prevalencia de ser consumidor do 5,2% no caso dos homes e do 1,5% nas mulleres.

Os investigadores comprobaron tamén que a prevalencia de ser consumidor de cocaína diminúe co nivel de formación, o que non sucede co nivel de ingresos do fogar. “Ata 1.900 euros, a prevalencia de ser consumidor de cocaína aumenta cos ingresos; a partir dese limiar, diminúe”.

Por último, a árbore de decisión fai unha clasificación en grupos de individuos “con preocupantes prevalencias de ser consumidores de cocaína”. Así, dos homes menores de 36 anos que viven sós, traballan e posúen estudos universitarios, o 10,6% son consumidores (o 18% se non teñen estudos); dos que non viven en parella, están desempregados e teñen un baixo nivel de educación (ou, sendo superior, baixos ingresos), o 12,2%; e dos homes de mediana idade que non viven en parella, con ingresos medios e inactivos, a prevalencia é do 18,4%.

Utilizamos Cookies propias y de terceros para facilitarle la navegación y mostrarle información relacionada con sus preferencias. Consulte nuestra Política de cookies Si rechaza las cookies podría afectarse la funcionalidad o el uso de esta web Pulsa el botón Aceptar para confirmar que has leído y aceptado la información presentada. Después de aceptar, no volveremos a mostrarte este mensaje.    Configurar cookies
Privacidad