Profesores da USC participan xunto con varios Nobel de Economía nunha obra monográfica dedicada a Partha Dasgupta

Profesores da USC participan xunto con varios Nobel de Economía nunha obra monográfica dedicada a Partha Dasgupta

Os profesores de Economía da USC Manel Antelo e Sebastian Villasante acaban de publicar un estudo na obra monográfica Environment and Development Economics: Essays in Honour of Sir Partha Dasgupta en homenaxe ao profesor da Universidade de Cambridge, un dos economistas máis reputados do mundo que contribuíu de forma moi significativa aos avances sobre a economía do benestar, a pobreza, o desenvolvemento económico e a sustentabilidade dos recursos naturais. A achega da USC ao volume, seleccionada entre máis de 500 propostas de traballos científicos, concrétase no capítulo ‘Why cooperation is better: The gains to cooperative management of the Argentine Shortfin Squid Fishery in South America’ no que se avalían, coas ferramentas da teoría de xogos, os beneficios biolóxicos e económicos que se derivarían da cooperación científica e institucional para a explotación da pesqueira da lura no Océano Atlántico Sur na que opera a flota galega desde hai décadas. Segundo os autores, os resultados do traballo representan unha “ contribución relevante” para alcanzar acordos de xestión pesqueira ao máis alto nivel entre Arxentina, a UE e os organismos internacionais pertinentes como a ONU. A obra, publicada pola Oxford University Press, está editada por tres dos máis prestixiosos profesores de economía do mundo como son Scott Barrett, da Universidade de Columbia; Karl-Göran Mäler, director da Escola de Economía de Estocolmo e membro da Academia Sueca de Ciencias; e Eric S. Maskin, da Universidade de Harvard. Entre os autores participantes destacan cinco Premios Nobel en Economía: Kenneth Arrow, Eric Maskin, Elinor Ostrom, Robert Solow e Joseph Stiglitz. O estudo, incluído na obra xunto con outros 14 capítulos, supón un importante logro para o avance das ciencias sociais en Galicia e España en tanto que permite visibilizar a experiencia e o coñecemento xerado desde Galicia no campo da economía e a xestión dos océanos.

Utilizamos Cookies propias y de terceros para facilitarle la navegación y mostrarle información relacionada con sus preferencias. Consulte nuestra Política de cookies Si rechaza las cookies podría afectarse la funcionalidad o el uso de esta web Pulsa el botón Aceptar para confirmar que has leído y aceptado la información presentada. Después de aceptar, no volveremos a mostrarte este mensaje.    Configurar cookies
Privacidad